Sunday 05 de May de 2024

O Concello Lousame saca a licitación a mellora do camiño de Portela a Seixido por un importe de máis de 65.000 euros


O Concello de Lousame vén de sacar a licitación, por procedemento aberto e ordinario, as obras de mellora do camiño de Portela a Seixido por un importe de 65.814,61 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de seis meses. As empresas interesadas teñen ata as 23:59 horas do vindeiro 20 de setembro para presentaren as súas ofertas.

As obras consisten na mellora e ancheamento da capa de rodaxe dun viario de 750 metros de lonxitude e 3,5 metros de ancho entre as localidades de Portela (Tállara) e Seixido (Lousame), que discorre en paralelo á DP-4201. Así, o proxecto inclúe o arranxo previo de fochancas na pista e a mellora da seguridade viaria mediante a ampliación do seu ancho nun metro, pasando así o camiño a ter 4,5 metros de ancho. A capa de rodadura será mellorada mediante a aplicación de seis centímetros de aglomerado en quente.

Así mesmo, procederase á limpeza de gabias e salvagabias para a correcta drenaxe da pista, que contará con nova sinalización viaria tanto horizontal, co pintado de liñas en bordes e símbolos, como vertical, coa colocación de dous sinais de Stop. As obras están incluídas no POS+ 2022.